|

Constitúe un motivo de especial satisfacción para min, como presidente da Xunta, saudar a través destas liñas ao equipo directivo e aos membros da Federación de Autónomos de Galicia, que desde 1993 vén desenvolvendo un intenso traballo a prol na defensa dos dereitos dos traballadores autónomos da nosa Comunidade Autónoma.
Fomentar e apoiar o espírito emprendedor en Galicia é unha das accións prioritarias do Goberno que teño a honra de presidir en materia de política económica. Desde que asumín a Presidencia da Xunta de Galicia, no ano 2005, a Xunta vén levando a cabo numerosas accións que teñen como obxectivo promover a creación de novas empresas no noso país, facilitando deducións fiscais de ata 300 euros a todos aqueles que se decidan a emprender. Entre as medidas que estamos a levar a cabo para favorecer os proxectos emprendedores, destacan o establecemento de microcréditos de ata 25.000 euros, a 5 anos, e cun tipo de xuro do 2,5 por cento sen máis aval que o proxecto. Paralelamente, proporcionamos axudas a fondo perdido, de ata un 50 por cento, dos gastos subvencionables destes proxectos e establecemos préstamos directos en condicións vantaxosas para emprendedores. A Xunta apoia todos estes proxectos a través do Fondo Emprende de capital risco, destinado a novas empresas ou proxectos de carácter innovador. O clima de confianza empresarial e social xerado na nosa autonomía e os recentes indicadores económicos de Galicia permiten vislumbrar un futuro esperanzador. A economía galega rexistrou en 2006 unha importante recuperación da produción industrial e un forte dinamismo na creación de empresas, grazas, en boa medida, a reorientación das políticas económicas de Galicia. Desde a Xunta estamos a apostar firmemente pola innovación, pola educación e pola formación de recursos humanos co obxectivo de incorporar a Galicia ao denominado triángulo do coñecemento. De feito, o 40 por cento dos fondos europeos que percibimos vaise dedicar a I+D+i. Paralelamente, o diálogo social impulsado desde o Executivo autonómico está a dar os seus froitos e a recente sinatura entre patronal e sindicatos do Acordo polo Emprego permite a creación dun clima de estabilidade sen precedentes no ámbito das relacións laborais, o que sen dúbida tamén favorece a instalación de novas empresas no noso país. En definitiva, apoiar e facilitar a creación destas novas empresas é un claro compromiso da Xunta que dirixo. Facilitar o voso traballo, como emprendedores é todo un obxectivo prioritario para o meu Goberno, porque queremos contribuír a que construades non só o voso propio futuro, senón o futuro do país. Emilio Pérez Touriño
Presidente da Xunta de Galicia
|