|
A Consellería de Economía e Industria aposta pola formación de expertos en comercio internacional dentro do tecido empresarial galego para favorecer a proxección exterior das empresas galegas e promove a especialización de profesionais no eido da internacionalización dentro das empresas galegas con iniciativas como o ciclo de relatorios impartidos por expertos nacionais ou internacionais, que comeza en Vigo o xoves 12 de abril como parte do programa do Máster en Comercio Internacional da Universidade de Vigo.
Esta é a terceira parte deste ciclo de talleres de internacionalización Universidade-Empresa, impulsados polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), na que xa se teñen realizado 21 talleres que ademais de estar enfocados aos alumnos do máster, tamén están abertos aos profesionais das empresas galegas que aposten pola internacionalización.
O ciclo rematará o 16 de maio e abordará aspectos de interese para a xestión da apertura exterior das empresas como o marqueting, os aranceis, o mercado on line ou a xestión aduaneira no marco do comercio exterior. Nos talleres, transmitirase tamén a experiencia práctica de empresarios e entidades que traballan no ámbito dos negocios internacionais, buscando así complementar e ampliar a formación teórica universitaria no ámbito da internacionalización.
Esta iniciativa é unha nova mostra da aposta da Xunta de Galicia pola internacionalización do tecido empresarial galego, un reto imprescindible para garantir a competitividade e a consolidación das empresas no mercado global. Ao mesmo tempo, transmite o compromiso da Administración galega co apoio a aqueles colectivos que se involucran no impulso da internacionalización pola vía da cooperación, neste caso, mediante a especialización de capital humano, clave no éxito da proxección exterior de calquera negocio.
Calendario dos talleres
O ciclo reanudarase mañá no salón de actos da Escola Universitaria de Estudos Empresariais da UVigo cunha charla sobre clasificación arancelaria, impartida por José González Vázquez, Xefe da Unidade Rexional de Aduanas e Impostos Especiais. O xoves día 12, Carmen Alonso Albo, licenciada en Dereito, falará sobre o marqueting sen recursos. O ciclo continuará o día 18 co coloquio "O arancel de Aduanas", a cargo de José González Vázquez, Xefe da Unidade Rexional de Aduanas e Impostos Especiais. O luns 23 será o turno para Luis Pérez Álvarez, Inspector de traballo e seguridade social, quen dará a súa visión sobre a problemática de traballos dos estranxeiros. As conferencias do mes de abril rematarán o día 25 coa charla impartida por José González Vázquez, Xefe da Unidade Rexional de Aduanas e Impostos Especiais, sobre a determinación da orixe das mercadorías.
No mes de maio, o día 3 terá lugar a intervención de Alfonso Paz Andrade, que destaca pola súa traxectoria e pola ampla experiencia na internacionalización do sector pesqueiro, como conselleiro delegado de Pescanova, para falar sobre o sector naval no comercio internacional. Na seguinte semana, o día 7, estudarase o mercado on line da man de Rafael Ríos Sacristán, responsable de produto de Windows Live en España. O día 9, José González Vázquez, Xefe da Unidade Rexional de Aduanas e Impostos Especiais, fará un achegamento aos procedementos de xestión aduaneira. O 15 de maio, José Luis Bonet Ferrer, presidente do Grupo Freixenet, falará da súa empresa como un referente no comercio internacional. Finalmente, o ciclo rematará o día 16 cunha nova conferencia sobre procedementos de xestión aduaneira, da man de José González Vázquez.
Fuente la Opinión A Coruña
|